Portada Xoán Branco

Autor: Fran Zabaleta 
Ilustradora: Laura G. Loaisa
Editorial: Los Libros del Salvaje
Publicación: xuño 2024
Páxinas: 128
Temática: divulgación histórica
Dispoñible en: papel

Esta é a historia dun home que soñou unha revolución. Unha revolución como nunca antes se vira, capaz de pór do revés o mundo e de levar a paz e a xustiza a unha terra que só coñecía a miseria e a brutalidade. Esta é a historia dun home que soñou un mundo mellor... e que non quedou de brazos cruzados. 

É moi probable que nunca oíras falar de Xoán Branco, escribán de Betanzos e capitán xeral da Gran Irmandade do reino de Galiza. Pasou xa moito tempo dende que viviu, máis de cincocentos anos, e a Historia devora con fame aos homes e os seus soños... sobre todo aos que non se adornan con títulos e dignidades. 

Pero canto vas ler aquí sucedeu de verdade, polo menos ata onde podemos coñecelo. E transformou a túa existencia. Probablemente, ti mesmo tiveches un antepasado que formou parte desta revolución soñada por Xoán Branco, un tataravó que un día xa lonxano ergueuse contra os seus señores, derrubou castelos e fortalezas e loitou para que os seus fillos gozasen dun mundo mellor que o que el coñecera...

 

Xoán Branco, notario e escribán de Betanzos, foi o dirixente máis representativo da gran revolta irmandiña que sacudiu Galiza entre 1467 e 1469, o único capitán xeneral, que saibamos, que non procedía do estamento nobiliario, como sucedeu no caso de Alonso de Lanzós, Diego de Lemos e Pedro Osorio, os outros tres grandes nomes da revolta.

Branco é citado polos documentos da época como deputado, representante ante o rei, capitán xeneral e, fundamentalmente, home honesto e cabal, amigo dos pobres e preocupado polos abusos dos señores. Aparece na memoria colectiva derrubando fortalezas, ordenando o axustizamento de malfeitores e acudindo ante o rei Henrique IV en representación dos irmandiños. Foi quen de agrupar a labregos, burgueses, artesáns, mercadores e cregos na defensa da paz e o bo goberno. A súa morte, tras a derrota da Irmandade, está rodeada de misterio. As fontes afirman que «o mataron», aínda que sen especificar quen nin en que circunstancias. A súa memoria perdurou no imaxinario popular como exemplo de home xusto e defensor dos humildes.

A gran revolta irmandiña

A gran revolta irmandiña, fito fundamental da historia non só de Galiza senón das revolucións modernas europeas, foi un fenómeno transversal que aglutinou as arelas de cambio de todos os sectores sociais do antigo reino de Galiza. Moi diversas institucións, concellos, gremios, cabidos, abadías, etc., implicáronse na loita contra as arbitrariedades da nobreza, sufragaron a guerra e contribuíron creando cuadrillas de voluntarios para derrubar fortalezas e expulsar a señores e malfeitores. Foi a primeira revolta europea que ergueu a todo un pobo e conseguíu a implantación, aínda que por un breve período de tempo, dunha nova orde baseada na xustiza e a equidade. Á fronte estaban as Xuntas da Irmandade do Reino de Galiza, o antecedente da actual Xunta de Galiza, que artellaron unha organización que foi quen de facer fuxir aos nobres, extirpar o bandoleirismo, organizar a administración de xustiza, o poder militar e o cobro de tributos en representación do rei e impoñer a paz.

A gran revolta irmandiña segue a ser a gran descoñecida da nosa historia como país. Xeralmente, coñécense de forma superficial os feitos, mais permanece no esquecemento o seu alcance e a súa trascendencia. Pois a revolta supuxo a fin da cabaleiría medieval en Galiza e abríu as portas á idade moderna. A revolta dos irmandiños, coa súa capacidade para erguer a todo un pobo contra das inxustizas e arbitrariedades da nobreza, é un acontecemento que expresa como poucos a forza da unidade nuns viláns sometidos a un sistema social tan brutal como inxusto. Por méritos propios, forma parte dese reducido conxunto de xestas das que a humanidade enteira debe sentirse, con razón, orgullosa. Pois, ao cabo, a gran revolta irmandiña non é sino un chanzo máis na procura da liberdade e a dignidade humanas.

A presente obra só ten unha pretensión: achegar, a través da figura dun dos impulsores deste movemento, aqueles trascendentais feitos dos que os nosos antergos foron protagonistas. Porque neles, nos sucesos deses anos, alenta o mellor de nós como país.

 Opinións

«Unha linguaxe cercana, coma un conto. Achega os personaxes históricos como se fosen personaxes actuais e iso fai que a lectura sexa rápida e moi interesante».
«Un bo manual de historia galega; con introducións moi acaídas e atractivas ao comezo de cada capítulo. Un bo xeito de dar a coñecer estes feitos e a vida do escribán betanceiro».
«Gustoume o seu ton didáctico e ameno e os pequenos relatos ó inicio dos capítulos».
«Pareceume un libro moi ameno para coñecer unha parte da nosa historia».